luns, 21 de novembro de 2022

Escribir o medo

Sen tempo non foi, pero aquí tendes as creacións gañadoras dos concursos de Samaín organizados polo EDL en colaboración coa biblioteca.

EI: debuxo

EP: banda deseñada









ESO: relato e microrrelato










Preparando o 25N

O vindeiro venres é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No seguinte vídeo explícannos por que o 25N e non outro día calquera...



Marina Marroquí, supervivente da violencia de xénero, explícanos o ciclo da violencia de xénero; e como, o maltrato físico representa o fracaso do propio sistema de violencia contra a muller que, case nunca, precisa de chegar a ese extremo para cumprirse.


Se chegaches ata aquí, xa sabes máis sobre a violencia contra as mulleres e as súas múltiplas caras. E aquí vai a proposta da biblioteca "Ramón Caride" para esta semana: redacta un microtexto (se pode ser orixinal, mellor; se non, podes reproducir algunha cita relacionada co tema) e tráenolo á biblioteca para escribírelo, co nome da persoa autora, nunha tarxeta que che proporcionaremos. Estas tarxetas serán expostas o 25N. Na imaxe inferior tendes un exemplo.


Para a cativada máis pequerrecha, este luns e o martes pola tarde, a ANPA traerá á biblioteca contacontos relacionados co tema.


E este venres, na sala B, proxectaremos o filme "Te doy mis ojos", de Icíar Bollaín, para o alumnado de 3º e 4º ESO.

domingo, 13 de novembro de 2022

A ciencia é o noso

Neste mes da ciencia, unimos o lema das bibliotecas escolares deste ano (Escribir a biblioteca escolar), co proxecto do centro "O noso" para alumar un traballo interdiciplinar realizado polo alumnado de 6º EP a finais do curso pasado. 
A rapazada investigou en libros e na Rede sobre o mundo vexetal, fotografou os exemplares do recinto escolar, redactou os textos, procurou poemas relacionados con cada imaxe...
Velaquí tendes o resultado.

luns, 7 de novembro de 2022

Como mola pasar mediño!

Os días 27 e 28 de outubro, co gallo da celebración do Samaín, o alumnado de 1º ESO leu dramatizadamente un conto de "medo" aos máis pequenos do cole, dentro do proxecto Conto Contigo e baixo a dirección da profe Ana.

O libro escollido foi "¡Como me mola tu escoba!", escrito por Julia Donaldson e ilustrado por Axel Scheffler. Trátase dunha obra moi famosa, premiada en varias ocasións, traducida a moitísimos idiomas e mesmo adaptada ao cinema.

O libro narra as aventuras dunha simpática bruxa que vai perdendo cousas mentres voa, pero que as recupera a medida que vai gañando amigos. Unha historia rimada, divertida e, sobre todo, chea de valores, coa que grandes e pequenos o pasaron "de medo" nun día tan sinalado.



Proximamente publicaremos o resultado dos concursos literarios do Samaín organizados polo EDL e a Biblioteca. Estade atentxs!

martes, 18 de outubro de 2022

Escribimos nas follas

Está o chan inzado de follas outonizas. Elas poden ser un bo soporte para microtextos literarios. Anímate a participar nesta actividade para o Día das Bibliotecas e verás o teu traballo exposto o 24 de Outubro.

venres, 14 de outubro de 2022

17 de Outubro. Día das Escritoras

Co gallo do seu día grande, 17 de Outubro este ano (todas as xornadas lles pertencen), amosamos unha pequena mostra do traballo dalgunhas das autoras que habitan as nosas salas no corredor que conduce á biblioteca.

A que campan ben?


mércores, 12 de outubro de 2022

In-formamos

Dentro das actividades da biblioteca "Ramón Caride" do inicio do curso, destacamos hoxe as relacionadas coa formación das persoas usuarias.

A profe Mercedes encargouse de impartir as xornadas formativas para o alumnado de EP, curso por curso.


Alén diso, editamos guías de usuarixs en formato díptico e tríptico para cada sala da biblioteca.




xoves, 29 de setembro de 2022

Arrincamos!

Logo de pór a punto a biblio: estreando piso, postos de xestión e ordenadores portátiles; impartindo charlas formativas, creando guías de uso, actualizando as mochilas viaxeiras e reorganizando os fondos.... arrincamos! 

Podes visitarnos nos recreos, á parte das horas de lectura programadas e doutras clases nas que participas desde o inicio do curso. Temos xogos, libros, pelis... todo o que xa sabes. Agardámoste!

luns, 20 de xuño de 2022

Grandes lectores

O venres pasado, a cativada de Educación Infantil reuniuse no seu recuncho da biblioteca para presumir de pasaporte lector. Traballo completado por este curso.

Bravo, superlectores!

venres, 3 de xuño de 2022

Florencio Delgado Gurriarán

O alumnado de 4º ESO participou na Semana Escolar das Letras Galegas organizada pola Deputación de Ourense. 

Recibiron cadanseu libro "Florencio Delgado Gurriarán fronte á exaltación da natureza", de Perozo, que leron e analizaron na clase. Sintetizaron a información nun cartel que completou o podcast que gravaran nun traballo previo.

xoves, 2 de xuño de 2022

Tes ao día o pasaporte?

Revisaches o teu pasaporte lector? Uxía xa o fixo e conseguiu parte do seu premio ao completar a metade das lecturas necesarias. Bótalle un ollo e ven polo teu agasallo, se é o caso.


Moi ben, Uxía!

martes, 31 de maio de 2022

Videopoema de 3º ESO

Co esquema estrutural de Longa noite de pedra, o alumnado de 3º ESO inventou os seus propios textos. Algúns eran tristes, outros ledos. Graváronse recitando, engadíronlles unhas imaxes aos audios, unha musiquiña e... velaí tendes un videopoema ben xeitoso. E todo cun móbil. A tecnoloxía, ben empregada, dá moito xogo.

,

Ben feito, rapazas!

luns, 23 de maio de 2022

Dicímoscho nós

O alumnado de 6º EP non para! Desde a biblioteca escolar creou unha serie de vídeos para que non nos despistemos con algunhas palabriñas. Grazas aos dicionarios, desbotan as interferencias lingüísticas e así nolo fan saber. Para que non nos confundamos. 

Aí vos vai a primeira serie. Atendede!

Bravísim@s!

martes, 10 de maio de 2022

Como facer un maio pequeniño

Como o prometido é débeda, aquí tendes o vídeo instrutivo no que alumnado de 3º ESO amosa como construír un pequeno maio a partir de material de refugallo e uns feixiños de vexetación. Unha boa forma de gozarmos dun maio miúdo dentro da casa, para festexar a entrada da primavera e celebrar a fertilidade.

Esta tarefa foi realizada para a clase de Lingua e literatura castelás coa profe Ana.


Moi bo traballo, rapazas!




venres, 6 de maio de 2022

Vai chegando o maio

Vaise achegando o VI Serán do Cole de Cea e con el, o festexo das nosas letras. Entre tanto, o alumnado de 3º ESO, coa profe Ana, artellou un maio pequeniño na biblioteca, adianto do que se erguerá o día 16 coa colaboración de todo o cole.

Presentámosvolo aquí, ben acompañado dun poema de Florencio Delgado Gurriarán. Proximamente teredes ao voso dispor o vídeo titorial co proceso de construción deste maio tan feituco.

Graciñas, profe Ana e 3º ESO!


mércores, 27 de abril de 2022

Día do Libro no Cole de Cea

Co gallo do Día do Libro, a biblioteca agasallou os membros do alumnado do Cole de Cea con cadanseu libro.

Pola súa parte, a rapazada contribuíu ao embelecemento da escola achegando libriños de creación artesá, con textos literarios ou científicos orixinais e mais con marcapáxinas ben fermosos.

Moitas grazas, artistas!




mércores, 20 de abril de 2022

Crea o teu libriño

Como sabedes, o 23 de abril é o Día do Libro. Para celebralo, haberá algunha sorpresiña da biblioteca. Pero antes diso, podes colaborar coa nosa exposición de libriños e marcapáxinas en forma de bolboreta. 

Candela amósache neste vídeo como elaborar o teu libriño, no que poderás incluír calquera texto de creación propia. Podes botar man de poemas, microrrelatos ou traballos de non ficción feitos na aula; e ilustralo coa técnica que prefiras.

Graciñas, Candela!

mércores, 6 de abril de 2022

Crea a túa bolboreta marcapáxinas

Aprende a facer con Maio un marcapáxinas fabuloso. Entretente e crea un obxecto útil e lindo cun simple papel. 


Logo, podes completar o deseño con rotulador, como na imaxe inferior ou como a imaxinación che dite.


Así o fixo o alumnado do obradoiro de papiroflexia impartido polo profe Maio, de 6º EP, ao que tamén asistiu a profe Mercedes. Atopádela na foto?



xoves, 17 de marzo de 2022

Acceso a ELBE2

Se es profe ou alumno de ensino secundario no Cole de Cea, xa podes acceder á plataforma de lectura e préstamo de libros ELBE2, premendo na ligazón da parte baixa desta páxina. Podes consultar as túas claves de acceso na biblioteca e comezar a ler en liña, como xa fixo o alumnado de 3º e 4º ESO.

https://bega-elbe2.edu.xunta.es/

domingo, 6 de marzo de 2022

Contamos en igualdade

Anticipando o 8M, o alumnado do Cole de Cea recibiu en propia man o convite ofrecido desde o Centro Social de Albarona para asistir en familia á sesión de contacontos do sábado precedente á data sinalada.

Un plan perfecto para a tarde sabatina, non si?

venres, 4 de marzo de 2022

Encontro con Ramón Caride

O pasado mes de febreiro foi un fervedoiro de actividades no noso cole, por mor dos 21 Días co Galego e +. A biblioteca, en colaboración co EDL, foi escenario de varios encontros con escritoras e escritores dos que xa demos conta; pero quedáranos no caixón a visita do autor que lle dá nome á nosa biblioteca: Ramón Caride.

El conversou co alumnado de diferentes niveis sobre algúns dos seus libros: Soños eléctricos, reeditado hai pouco, As músicas viaxeiras e Ramón Cabanillas, do A ao Z. En resumo, unha tríade de volumes variados canto ao xénero e ao público albo, cos que nos agasallou metafórica e literalmente.

Graciñas, Ramón, por volver sempre á túa biblioteca.

domingo, 20 de febreiro de 2022

Compartindo letras con Pablo

O docente do noso cole, Pablo Nogueira Campo, profesional de AL (audición e linguaxe), tamén é un grande escritor para grandes e pequenos, ademais de músico. Aquí o tendes, lendo con xeito, para o alumnado de Infantil, un cachiño do seu libro "Nube Branca quere ser astronauta". 


Esa mesma mañá tamén compartiu un obradoiro de escrita creativa con alumnado de Primaria.


E aquí, unha mostra dos títulos publicados por Pablo... de momento.


Graciñas, profe Pablo!

martes, 15 de febreiro de 2022

Visita de Branca Trigo


Aproveitando os 21 Días co Galego e + que estamos a vivir no noso cole, visitounos a ex-alumna da profe Fátima e galardoada poeta, Branca Trigo. 

Falou do seu proxecto editorial, Malafera; elaborou un breve resumo da disidencia na literatura galega e desatou a fera creativa que toda a rapazada leva dentro para xerar poemas colectivos, inspirados en imaxes, na actualidade ou elaborados mediante a técnica vangardista do cadáver exquisito. 

Velaquí as creacións dxs nosxs poetas:
Graciñas, Branca!

xoves, 3 de febreiro de 2022

martes, 25 de xaneiro de 2022

Últimas adquisicións

Velaí vai un minivídeo coas últimas adquisicións da biblio do Cole de Cea. Botádelle un ollo (e dúas orellas ao ritmo balcánico do grupo Csókolom).






 

sábado, 22 de xaneiro de 2022

O cachiño de MB

Aí vai o primeiro cachiño escollido por unha das nosas lectoras: un fragmento da novela Los testamentos, de Margaret Atwood, que podes solicitar na biblioteca do cole.


martes, 21 de decembro de 2021

venres, 17 de decembro de 2021

Temos correo!

Esta mañá recibimos un agasallo inesperado: unha postal de María García Vázquez, alumna de 5º de EP do cole de Xuvencos. Se queredes vela, picade no vídeo.

martes, 14 de decembro de 2021

Comparte o teu cachiño

Isto non é un concurso nin unha competición. Aquí non hai premios materiais. Trátase de compartires o teu anaco favorito dunha obra literaria coas persoas do cole. Sexas profe, estudante ou membro do persoal non docente, queremos saber que te emociona.

mércores, 1 de decembro de 2021

venres, 26 de novembro de 2021

25N poemando con Celso Emilio Ferreiro

No ronsel do poema Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, unha parte do alumnado construíu os seus textos contra a violencia de xénero. Magnífico traballo, rapazada!

xoves, 4 de novembro de 2021

A Biblioteca comeza a tomar vida.

 Xa temos ao noso pequeno lectorado empregando as instalacións da Biblioteca Ramón Caride. Andan procurando libros para levar a casa en empréstito e mergullarse na lectura no tempo de lecer. Porén, como non hai tempo que perder, calquera intre é axeitado para deixarse acompañar pola maxia dun bo libro. 


Felices lecturas!

Xa está listo o noso Espazo Creativo!

  Na biblioteca do cole de Cea preparamos un recuncho cheo de cores, materiais e posibilidades para deixar voar a imaxinación. Agardamos q...