mércores, 24 de abril de 2024

Día do Libro

O Cole de Cea celebrou o Día do Libro ao grande, con diversas actividades ao longo da xornada.

De mañá, o alumnado de 3º e 4º ESO realizou unha carreira de orientación organizada polo departamento de EF na que as quince balizas agochaban pistas sobre libros. A biblioteca colaborou deseñando os carteliños. Vós tamén podedes xogar tentando adiviñar os títulos.


Pola tarde, dentro do proxecto "Conto Contigo", o alumnado de 4º ESO, distribuído en parellas, leulles un conto (ou dous) aos diferentes grupos de EI e EP, ao aire libre en diferentes zonas do cole.


Entrementres, os demais grupos de ESO adherían os folletos despregables para os libros da caseta peregrina acabadiña de instalar nunha parede exterior do centro. A mini-biblioteca loguiño se encheu con títulos variados que esperamos sexan do agrado dxs camiñantes. Mirade que ben campa!

luns, 8 de abril de 2024

Avelino González cóntaNOS

A miúdo as preguntas son tan importantes coma as respostas. Queremos contarnos ou que nos conten outrxs? Aspiramos a ser orixinais ou copias, a trazar a ruta coa guía da tradición de noso ou a percorrer carreiros alleos coma calquera?

O grupo Nós tíñao claro e así nolo explicou Avelino a golpe de conto, por cortesía da Fundación Vicente Risco. Contos recollidos da tradición oral de aquí e acolá e interpretados criticamente; renovados pola maxia da palabra feita voz viva e corpo latexante en movemento. 

Alén dos relatos- comentados máis abaixo- o narrador achegounos certas facetas curiosas do etnógrafo: católico-budista, pechabares, grande escoitador e animador de artistas novos, bailador con éxito entre as mozas... 


O conto da bubela e as curuxas, recollido do Oriente, personifica nas aves nocturnas unha teima humana ben frecuente: a de pretender que xs demais pensen e actúen coma nós.  Aves todas, malia viviren de forma diferente, a bubela enganou as curuxas e conseguiu salvar a crista manténdose fiel á súa identidade.

O lobo da xente, relato espallado polo sueste da nosa terra - amais de cuestionar certas relacións familiares habitualmente idealizadas- fainos comprender que ninguén debe renunciar á súa pel. Ningunha outra nos é tan acaída e feita á medida para estarmos no mundo.

Finalmente, Meixelas de rosa, un conto nacido da imaxinación risquiana, serviulle ao actor para que cadaquén crease na súa cabeciña a feitura e o xenio da parella protagonista e como se comportaba esta nos pereiriños dun amor incipiente... O tempo, o cronolóxico, impediu verbalizar a historia creada por cada persoa da sala e deixounos con ganas de máis leria; así que...

Ata a próxima, Avelino!

martes, 2 de abril de 2024

A todo Risco, Con Avelino González

O próximo luns, o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO coñecerá gozando -gozará coñecendo- algunhas facetas de Vicente Risco e a súa época, da man (e da voz) do versátil e retranqueiro actor galego Avelino González.

Esta actividade chega ao noso cole por cortesía da Fundación Vicente Risco, coa que colaboramos na creación dos podcasts radiofónicos "A son de Risco".


Boletín de novidades 2024