luns, 8 de abril de 2024

Avelino González cóntaNOS

A miúdo as preguntas son tan importantes coma as respostas. Queremos contarnos ou que nos conten outrxs? Aspiramos a ser orixinais ou copias, a trazar a ruta coa guía da tradición de noso ou a percorrer carreiros alleos coma calquera?

O grupo Nós tíñao claro e así nolo explicou Avelino a golpe de conto, por cortesía da Fundación Vicente Risco. Contos recollidos da tradición oral de aquí e acolá e interpretados criticamente; renovados pola maxia da palabra feita voz viva e corpo latexante en movemento. 

Alén dos relatos- comentados máis abaixo- o narrador achegounos certas facetas curiosas do etnógrafo: católico-budista, pechabares, grande escoitador e animador de artistas novos, bailador con éxito entre as mozas... 


O conto da bubela e as curuxas, recollido do Oriente, personifica nas aves nocturnas unha teima humana ben frecuente: a de pretender que xs demais pensen e actúen coma nós.  Aves todas, malia viviren de forma diferente, a bubela enganou as curuxas e conseguiu salvar a crista manténdose fiel á súa identidade.

O lobo da xente, relato espallado polo sueste da nosa terra - amais de cuestionar certas relacións familiares habitualmente idealizadas- fainos comprender que ninguén debe renunciar á súa pel. Ningunha outra nos é tan acaída e feita á medida para estarmos no mundo.

Finalmente, Meixelas de rosa, un conto nacido da imaxinación risquiana, serviulle ao actor para que cadaquén crease na súa cabeciña a feitura e o xenio da parella protagonista e como se comportaba esta nos pereiriños dun amor incipiente... O tempo, o cronolóxico, impediu verbalizar a historia creada por cada persoa da sala e deixounos con ganas de máis leria; así que...

Ata a próxima, Avelino!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Boletín de novidades 2024