Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de maio de 2025

Parabéns, Saleta!

Este ano, a Fundación Insua dos Poetas convou un certame literario para unirse ás celebracións do Ano Castelao. Nunha das súas categorías, habíase de escribir un microrrelato inspirado no estilo das pezas narrativas do rianxeiro. Algúns alumnos e alumnas de 4º ESO enviaron os seus contos e o día 7 de maio soubemos que unha das obras resultara premiada: "Xosé, un home de aldea", da autoría de Saleta.

Reproducimos a continuación o seu relato, que reflicte perfectamente o estilo das "cousas" de Castelao: escrita sinxela e tenra con certa dose de humor para abordar temas populares e de interese social.

domingo, 2 de marzo de 2025

Vou contarvos un conto triste

No Ano Castelao, a biblioteca Ramón Caride e o EDL do Cole de Cea colaboran na elaboración de vídeos con textos do autor homenaxeado 75 anos despois do seu falecemento. Este aconteceu na Arxentina, onde se atopaba exiliado por mor da ditadura franquista debido á súa traxectoria política en defensa de Galiza.

O texto escollido para esta primeira entrega é un brevísimo relato con ilustración, unha "cousa", na que Castelao transmite de forma sintética e impactante a tenrura polo desexo maternal incumprido nunha sociedade na que as mulleres de clase alta vivían pechadas nas casas coa única función de seren nais e dirixir o servizo. A ausencia do personaxe do esposo na narración reflicte á perfección a incomunicación entre a parella e incrementa o sentimento de soidade da nai á que lle van morrendo os cativiños antes de nacer, e que se amosa empeñada na teima de coidar o que non existe. As apelacións directas e insistentes do narrador para que os lectores non rían perante a vida traxicómica da fidalga expresan a empatía e comprensión do autor ante as penurias persoais, mesmo cando estas conducen á perda da razón.

sábado, 6 de xullo de 2024

O Cole que conta

O 5 de xullo, dous membros do Cole de Cea recolleron os seus premios no XII Certame de Microrrelatos "Practica a Leiteratura", organizado por Feiraco para contribuír á difusión da lingua e a cultura galegas.

xoves, 13 de xuño de 2024

"Por cuatro esquinitas de nada", contado por Susana

Hoxe a profe Susana leulles unha historia xenial na biblioteca ás nenas e nenos do 1º ciclo de Primaria. Logo, cadaquén recortou o seu elemento coa forma e as cores que quixo e todos todiños todos puideron entrar na Casa Grande do Cole de Cea. Como debe ser!

Grazas, profe!


mércores, 12 de xuño de 2024

Enfiando premios

Onte celebrabamos o galardón obtido por Miguel na categoría xuvenil e, ao caer a tardiña, chegábanos a nova de que, na categoría adulta, un profe do noso cole tamén vía recompensado o seu traballo: Pablo Nogueira Campo, co relato titulado "A liña da fronte". 

Podedes ler a súa peza neste enlace.

Unha noite no parque

Púxenme a escoitar a radio no móbil. Era certo o que me dixeran: o periodista confirmara os rumores sobre a desaparición daquel neno. Izan, pobre rapaz, saíra xogar ao parque e non volveu aparecer. 

Saín dar unha volta con Lúa, a miña cadela palleira, mentres seguía escoitando a radio. Xa na rúa, botei a andar. Si, xa sei que era de noite, mais cando non podo dormir, sempre saio dar unha volta coa cadela pola vila. 

Pasada media hora, outra noticia da radio chamou a niña atención. Pablo, de só seis anos, tamén desaparecera no parque. Non lle dei moita importancia mais evitei en todo momento ir alí. Pouco tempo despois, decateime de que Lúa estaba inquieta, comezou a remexerse agobiada, o que provocou que a cinta do colar rompese, deixando libre a cadela, que non dubidou en fuxir rápido de min. Inmediatamente saín da aplicación da radio e entrei en Google Maps, onde a tiña localizada en tempo real, grazas ao rastrexador que levaba no colar. 

Despois de seguir os movementos da cadela no GPS durante un bo anaco, cheguei ao lugar onde estaba que, casualmente, era o parque. Segundo o localizador, a miña querida cadela palleira estaba situada nun raio de vinte metros respecto a min. A pesar das desaparicións, enchinme de valor e adentreime no parque cara á localización de Lúa no GPS, unha localización segundo a cal, a cadela reemprendía a marcha. 

Despois de case media hora seguindo o seu rastro, desapareceu do radar. Xa estaba a piques de renderme mais, de súpeto, oín uns ladridos no medio das árbores ao lonxe. Emocionado, botei a correr en dirección a eles. 

O que non oín foi o disparo que me ía converter no terceiro dos desaparecidos no parque. 

Miguel Salgado Abraldes (4º ESO)

Relato de 4º ESO, gañador do certame "Practica a leiteratura".

Destrución e marabillas do ser humano

Púxenme a escoitar ás árbores e contáronme moitas historias. Faláronme de todo o que viran pasar durante anos: persoas boas e persoas malas, paxariños que se pousaban nas súas pólas, animais... e viran tamén guerra e paz. Antes vían carros e agora coches. Mais, unha delas, a máis vella daquel monte, contoume a historia que máis me gustou: 

- Pasou hai vinte anos, recórdoo perfectamente. Era a principios de agosto e levabamos dúas ou tres semanas con moita calor, sen auga, tiñamos moita sede e algunhas das compañeiras secaran. Vira eu dous homes correndo aquela tarde, semellaban fuxir de algo ou alguén e ás veces miraban para atrás, supoño que para comprobar que ninguén os perseguía. 

Despois diso, á noite, comezou o verdadeiro terror. Ardía todo, só vía fume moi espeso e negro e grandes laparadas alaranxadas e moi próximas. As nosas raíces impídennos fuxir e, nestes casos, soamente nos queda ver como a nosa fin se acerca pouco a pouco ou agardar que algunha boa persoa nos axude. Nestas catástrofes sempre morren moitas irmás e as que sobrevivimos somo unhas privilexiadas. 

Os dous homes que eu vira fuxir queimaran un coche horas antes, só por diversión. E nós, as árbores, preguntámonos: por divertirte ti, home, é necesario destruír a natureza? 

***

Outro día, púxenme a escoitar á Lúa. Explicoume como era estar no espazo, rodeada de escuridade, sen nada e ninguén cerca. Soamente vía estrelas, algúns planetas, algúns cometas... pero todos estaban moi afastados dela. Díxome que se sentía soa e contoume unha historia: 

- Non lembro que día pasou aquilo, pero o que si que recordo foi que non me sentira soa. Vira algo achegándose, algo que eu xamais vira. Non era un cometa, mais ía voando polo espazo. Semellábase a un satélite deses artificiais que vós botades de vez en cando ao espazo. O que fose, aproximábase cada vez máis. Non entendía por que viña directo a min, cando nunca antes nada se interesara por min. Eu non sabía que facer! Quería fuxir e tiña moito medo. 

Cando tal, pousaron en min e baixaron tres homes protexidos por uns traxes moi raros. Eu non sabía que facían aquí nin que ían facerme. Os homes baixaron da máquina aquela moi contentos e emocionados. As súas pisadas facíanme cóxegas e foron moi afábeis e simpáticos comigo. Por fin non estaba soa! Eu desexaba que quedasen aquí e que xamais me abandonasen, mais non foi posíbel. 

Tiveron que marchar pero, antes, craváronme este pau cun anaco de tea de cor vermella, azul e branca. Aínda hoxe non sei que é isto e por que o deixaron aquí. Aquel día lémbroo como un dos mellores da miña longa vida. Foi incríbel que uns homes do planeta do que eu son satélite me viñesen visitar.

Águeda Naval Barrosa (3º ESO)


Este foi o relato de 3º ESO enviado ao certame "Practica a leiteratura".


O verán no que todo cambiou

Púxenme a escoitar aquel timbre, o timbre que tanto esperabamos, o último timbre do curso, o timbre que marcaba o final daquel fatídico curso, o timbre que nos liberaba durante tres meses enteiros. A partir daquel momento tíñamos un verán enteiro para pasalo ben e divertirnos: bañarnos na praia, no río ou na piscina e máis actividades estivais. Xa as nosas familias nos miraban com esa cara de “e agora teremos que aguantalos tres meses enteiros”. Pero nas nosas cabezas só existian as ganas de bañarse, quedar e saír de festa. 

En canto cheguei á miña casa, deixei a mochila e as outras cousas do cole e fun coller a bicicleta para ir ver o meu amigo Anxo. Foi chegar á súa casa e ambos marchamos pasear. Normalmente faciamos viaxes de dúas a tres horas pero aquel día iamos acampar no monte. 

Xa tiñamos todo preparado había meses: calcularamos todas as rutas e camiños posibles e tamen os víveres para esa noite. Ninguén nos podía quitar aquela aventura. As primeiras catro horas transcorreron tranquilamente, pero foi anoitecer e o bosque empezou a facerse máis denso; parecía que algo nos seguía e, na penumbra, avistamos algo que non recoñecemos á primeira, algo inédito: tiña gadoupas xigantes e unha silueta moi robusta. Os dous pedalamos rapidamente e, pensando que era un urso, rimos do encontro, acampamos nun claro e durmimos.

Dous dias despois fomos almorzar á casa de Anxo, onde nos esperaba a súa irmá acabada de levantar. Almorzamos uns anacos de xamón do seu avó con pan e tomate e liscamos buscar a Antía, a moza de Anxo. 

Comemos nun bar chamado Caratos e fomos ver os amigos: Brais, María, Ana e Secundino. No camiño cara á piscina, eu e Anxo volvemos ter aquela sensación outra vez: unha presenza diabólica que nos perseguía con sede de sangue. Freamos e preguntamos se alguén mais o sentira. Todos negaron coa cabeza e riron de nós. 

Pasamos a tarde na piscina e despois volvemos todos á casa de Brais para pasar a noite, xa que seus pais marcharan de viaxe. Compramos bebidas enerxéticas e outros petiscos. Todo ía normal ata que saímos ao balcón e vimos que a noite era moi escura, máis escura do normal, pero moi moi escura, tan escura que a única luz era a de dous farois e o resplandor de dous puntos laranxas na escuridade da noite… Algo non cadraba, por aquela zona non había gatos nin cans. 

Naquel momento só tíñamos unha certeza: non estábamos sos.

Maio Garcia Piña (2º ESO)

Este foi o relato de 2º ESO enviado ao certame "Practica a leiteratura".

Os corvos en orde

Púxenme a escoitar o resumo do partido entre o Deportivo e o Celta e, mentres o escoitaba, un corvo petou contra a miña ventá. Pensei que, seguramente, ao petar e caer ao chan, morrera; aínda así, fun abaixo para sacalo do xardín.

En canto estaba baixando as escaleiras, a miña nai berrou: "Xa te preparaches para ir ao partido?!" Nese momento, subín correndo e díxenlle a miña nai que me estaba preparando para ir. Ao subir ao coche, decateime de que o corvo non estaba morto, simplemente, non estaba no chan. Pensei que petara pero non morrera e saíra voando. Ao chegar ao campo de fútbol, vin que había dous corvos no tellado das bancadas e, ao chegar a casa, no tellado había tres corvos máis.

Hai anos, a miña avoa contárame que, se ves corvos nun número en orde, posiblemente morrerá alguén do pobo. Ao día seguinte, soaron as campás da igrexa, cun ton que declaraba que alguén morrera; e si, esa noite morrera un veciño que se chamaba Alfonso, non se sabía ben de que. Hai xente que pensa que lle deu algo, eu tamén pensei que lle dera un infarto pero aínda así, o meu medo crecía.

Co paso do tempo, aparecían máis corvos en orde e máis xente morría. Tiven sorte, porque a miña familia e mais eu mudarámonos a outro lugar, onde pensei que esa maldición acabaría para min. Pero non foi así, uns anos despois da mudanza, pasou o mesmo, aparecían corvos en orde e máis mortes.

Seguramente haberá un día que me toque a min, pero creo que non será hoxe, xa que na aldea aínda quedamos trinta e tres persoas. Mellor dito, trinta e dúas, porque xa empezan a tocar as campás, pero avisareivos cando sexa...

Éric Fernández Fernández (1º ESO)

Este foi o relato de 1º ESO enviado ao certame "Practica a leiteratura".

1º posto no XII Certame de microrrelatos "Practica a leiteratura" para Miguel

Parabéns ao alumno de 4º ESO, Miguel Salgado Abraldes, gañador do certame organizado por Feiraco.
Podedes acceder á páxina co seu relato, "Unha noite no parque", neste enlace.
Nunha entrada vindeira, publicaremos os catro relatos presentados polo noso centro na categoría xuvenil, porque todos eles pagan moito a pena.

venres, 4 de marzo de 2022

Encontro con Ramón Caride

O pasado mes de febreiro foi un fervedoiro de actividades no noso cole, por mor dos 21 Días co Galego e +. A biblioteca, en colaboración co EDL, foi escenario de varios encontros con escritoras e escritores dos que xa demos conta; pero quedáranos no caixón a visita do autor que lle dá nome á nosa biblioteca: Ramón Caride.

El conversou co alumnado de diferentes niveis sobre algúns dos seus libros: Soños eléctricos, reeditado hai pouco, As músicas viaxeiras e Ramón Cabanillas, do A ao Z. En resumo, unha tríade de volumes variados canto ao xénero e ao público albo, cos que nos agasallou metafórica e literalmente.

Graciñas, Ramón, por volver sempre á túa biblioteca.

Últimas novidades da biblioteca... e recomendacións para o verán!

O curso está chegando á súa fin e, antes de despedirnos, queremos compartir convosco as últimas novidades que chegaron á biblioteca. Novas h...