mércores, 12 de xuño de 2024

Destrución e marabillas do ser humano

Púxenme a escoitar ás árbores e contáronme moitas historias. Faláronme de todo o que viran pasar durante anos: persoas boas e persoas malas, paxariños que se pousaban nas súas pólas, animais... e viran tamén guerra e paz. Antes vían carros e agora coches. Mais, unha delas, a máis vella daquel monte, contoume a historia que máis me gustou: 

- Pasou hai vinte anos, recórdoo perfectamente. Era a principios de agosto e levabamos dúas ou tres semanas con moita calor, sen auga, tiñamos moita sede e algunhas das compañeiras secaran. Vira eu dous homes correndo aquela tarde, semellaban fuxir de algo ou alguén e ás veces miraban para atrás, supoño que para comprobar que ninguén os perseguía. 

Despois diso, á noite, comezou o verdadeiro terror. Ardía todo, só vía fume moi espeso e negro e grandes laparadas alaranxadas e moi próximas. As nosas raíces impídennos fuxir e, nestes casos, soamente nos queda ver como a nosa fin se acerca pouco a pouco ou agardar que algunha boa persoa nos axude. Nestas catástrofes sempre morren moitas irmás e as que sobrevivimos somo unhas privilexiadas. 

Os dous homes que eu vira fuxir queimaran un coche horas antes, só por diversión. E nós, as árbores, preguntámonos: por divertirte ti, home, é necesario destruír a natureza? 

***

Outro día, púxenme a escoitar á Lúa. Explicoume como era estar no espazo, rodeada de escuridade, sen nada e ninguén cerca. Soamente vía estrelas, algúns planetas, algúns cometas... pero todos estaban moi afastados dela. Díxome que se sentía soa e contoume unha historia: 

- Non lembro que día pasou aquilo, pero o que si que recordo foi que non me sentira soa. Vira algo achegándose, algo que eu xamais vira. Non era un cometa, mais ía voando polo espazo. Semellábase a un satélite deses artificiais que vós botades de vez en cando ao espazo. O que fose, aproximábase cada vez máis. Non entendía por que viña directo a min, cando nunca antes nada se interesara por min. Eu non sabía que facer! Quería fuxir e tiña moito medo. 

Cando tal, pousaron en min e baixaron tres homes protexidos por uns traxes moi raros. Eu non sabía que facían aquí nin que ían facerme. Os homes baixaron da máquina aquela moi contentos e emocionados. As súas pisadas facíanme cóxegas e foron moi afábeis e simpáticos comigo. Por fin non estaba soa! Eu desexaba que quedasen aquí e que xamais me abandonasen, mais non foi posíbel. 

Tiveron que marchar pero, antes, craváronme este pau cun anaco de tea de cor vermella, azul e branca. Aínda hoxe non sei que é isto e por que o deixaron aquí. Aquel día lémbroo como un dos mellores da miña longa vida. Foi incríbel que uns homes do planeta do que eu son satélite me viñesen visitar.

Águeda Naval Barrosa (3º ESO)


Este foi o relato de 3º ESO enviado ao certame "Practica a leiteratura".


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O Cole que conta

O 5 de xullo, dous membros do Cole de Cea recolleron os seus premios no XII Certame de Microrrelatos "Practica a Leiteratura", org...