mércores, 12 de xuño de 2024

O verán no que todo cambiou

Púxenme a escoitar aquel timbre, o timbre que tanto esperabamos, o último timbre do curso, o timbre que marcaba o final daquel fatídico curso, o timbre que nos liberaba durante tres meses enteiros. A partir daquel momento tíñamos un verán enteiro para pasalo ben e divertirnos: bañarnos na praia, no río ou na piscina e máis actividades estivais. Xa as nosas familias nos miraban com esa cara de “e agora teremos que aguantalos tres meses enteiros”. Pero nas nosas cabezas só existian as ganas de bañarse, quedar e saír de festa. 

En canto cheguei á miña casa, deixei a mochila e as outras cousas do cole e fun coller a bicicleta para ir ver o meu amigo Anxo. Foi chegar á súa casa e ambos marchamos pasear. Normalmente faciamos viaxes de dúas a tres horas pero aquel día iamos acampar no monte. 

Xa tiñamos todo preparado había meses: calcularamos todas as rutas e camiños posibles e tamen os víveres para esa noite. Ninguén nos podía quitar aquela aventura. As primeiras catro horas transcorreron tranquilamente, pero foi anoitecer e o bosque empezou a facerse máis denso; parecía que algo nos seguía e, na penumbra, avistamos algo que non recoñecemos á primeira, algo inédito: tiña gadoupas xigantes e unha silueta moi robusta. Os dous pedalamos rapidamente e, pensando que era un urso, rimos do encontro, acampamos nun claro e durmimos.

Dous dias despois fomos almorzar á casa de Anxo, onde nos esperaba a súa irmá acabada de levantar. Almorzamos uns anacos de xamón do seu avó con pan e tomate e liscamos buscar a Antía, a moza de Anxo. 

Comemos nun bar chamado Caratos e fomos ver os amigos: Brais, María, Ana e Secundino. No camiño cara á piscina, eu e Anxo volvemos ter aquela sensación outra vez: unha presenza diabólica que nos perseguía con sede de sangue. Freamos e preguntamos se alguén mais o sentira. Todos negaron coa cabeza e riron de nós. 

Pasamos a tarde na piscina e despois volvemos todos á casa de Brais para pasar a noite, xa que seus pais marcharan de viaxe. Compramos bebidas enerxéticas e outros petiscos. Todo ía normal ata que saímos ao balcón e vimos que a noite era moi escura, máis escura do normal, pero moi moi escura, tan escura que a única luz era a de dous farois e o resplandor de dous puntos laranxas na escuridade da noite… Algo non cadraba, por aquela zona non había gatos nin cans. 

Naquel momento só tíñamos unha certeza: non estábamos sos.

Maio Garcia Piña (2º ESO)

Este foi o relato de 2º ESO enviado ao certame "Practica a leiteratura".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O Cole que conta

O 5 de xullo, dous membros do Cole de Cea recolleron os seus premios no XII Certame de Microrrelatos "Practica a Leiteratura", org...