mércores, 22 de marzo de 2023

21 de Marzo. Día Mundial da Poesía

O alumnado do Cole de Cea creou poemas de seu: unhas veces tomando como molde as estruturas de textos coñecidos (unha forma doada de comezar os pereiriños no mundo lírico) e outras partindo de cero. 

As súas obras fican expostas no corredor próximo á biblioteca. Para apreciardes mellor algunhas das pezas, tendes máis abaixo varias imaxes (non de todos os traballos, porque a participación foi moita).



Laboratorio de Radio "Ramón Caride"

Antonte, 20 de marzo, contamos coa formación para a radio impartida por Sergio Pascual.

Logo dunhas dinámicas de grupo para romper o xeo e mais para aprender a importancia da respiración diafragmática, da escoita activa e do silencio, da sincronización e do traballo en equipo, imprescindíbeis na radio; o alumnado conseguiu elaborar un podcast con música, entrevistas (á profe Mercedes e o profe Pablo) e mesmo pequenas historias inventadas sobre eles.

sábado, 18 de marzo de 2023

Formación de radio

O próximo luns, o alumnado inscrito participará na xornada de formación de radio na sala B da biblioteca, polo que as actividades rutineiras dos luns nesas horas, realizaranse na sala A.



mércores, 15 de marzo de 2023

8M e Semana da Prensa

Na Semana da Prensa e no 8M realizamos diversas actividades que a seguir expoñemos. 

Parte do alumnado asistiu na biblioteca á proxeción do filme "Os fenómenos", peza que combina humor e drama para afondar no problema da desigualdade de xénero, ao tempo que visibiliza moitos outros conflitos: a burbulla inmobiliaria, a especulación urbanística, a precariedade laboral, a economía somerxida, a xubilación forzada, a paternidade irresponsábel, a familia, o amor tóxico etc.


Por outro lado, a biblioteca recolleu información en todos os ciclos do CPI sobre a presenza de escritoras nos títulos propostos polos diferentes departamentos, para coñecermos a súa porcentaxe con respecto ao total de libros recomendados. Estes foron os resultados: 

Pola súa parte, o equipo de Extraescolares organizou unha actividade, para realizar nas titorías, que conxugaba prensa e 8M. Tras a pescuda nos medios informativos, o alumnado creou un cartel sobre a desigualdade de xénero.


E seguindo coa Semana da Prensa e en colaboración co EDLG, na biblioteca expuxemos unha pequena mostra da revista "Bisbarra", con exemplares cedidos polo veciño e erudito interesado no noso, Evaristo Rodríguez.

luns, 27 de febreiro de 2023

Días de Rosalía

Como a nosa Rosalía merece máis dun día, no Cole de Cea levamos traballando con ela todo o mes: creando chapas, facendo pasatempos, pintando pétalos cos seus versos para compor un gran cartel, traballando nun crebacabezas colaborativo, escoitando os seus poemas durante o timbre musical... E como colofón, asisitindo a un concerto de Sergio Tannus e Marta Bravo organizado polo EDL. E esta tarde, na hora de ler, recitaremos algúns dos seus textos.




xoves, 9 de febreiro de 2023

Conto Contigo, Alfredo Carral

As familias son unha boa fonte de información para o noso alumnado, que acolle con interese e diversión as súas exposicións. Neste caso, o avó de Amaya e Jorge veu visitarnos o 3 de febreiro para compartir coa cativada o seu coñecemento sobre un elemento do noso acervo cultural: os cabaceiros.


Grazas, Alfredo!



venres, 3 de febreiro de 2023

#Candeloria

Pola Candeloria, o alumnado do Cole de Cea creou unha paxarada chea de refráns e versos de amor... 


E tal e como foi o día, parece que aínda temos inverno para ben tempo.

mércores, 7 de decembro de 2022

Tarxetas de Nadal

Se estás en Educación Primaria, escolle a túa tarxeta da biblioteca e engádelle un texto de bos desexos dunhas 20 palabras inspirado na ilustración. Tes variedade de modelos para escolleres.

Se estudas Secundaria, busca ti unha ilustración de xeito nalgún libro da biblioteca e achégate ao posto de xestión para que cha imprimamos. Logo escribe un texto de bos desexos dunhas 40 palabras nela e poderás entregarlla a quen quixeres.

O alumnado de Infantil fará o seu debuxo na tarxeta que lle proporcionará a mestra.

Anímate a participar!

luns, 21 de novembro de 2022

Escribir o medo

Sen tempo non foi, pero aquí tendes as creacións gañadoras dos concursos de Samaín organizados polo EDL en colaboración coa biblioteca.

EI: debuxo

EP: banda deseñada









ESO: relato e microrrelato










Preparando o 25N

O vindeiro venres é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No seguinte vídeo explícannos por que o 25N e non outro día calquera...



Marina Marroquí, supervivente da violencia de xénero, explícanos o ciclo da violencia de xénero; e como, o maltrato físico representa o fracaso do propio sistema de violencia contra a muller que, case nunca, precisa de chegar a ese extremo para cumprirse.


Se chegaches ata aquí, xa sabes máis sobre a violencia contra as mulleres e as súas múltiplas caras. E aquí vai a proposta da biblioteca "Ramón Caride" para esta semana: redacta un microtexto (se pode ser orixinal, mellor; se non, podes reproducir algunha cita relacionada co tema) e tráenolo á biblioteca para escribírelo, co nome da persoa autora, nunha tarxeta que che proporcionaremos. Estas tarxetas serán expostas o 25N. Na imaxe inferior tendes un exemplo.


Para a cativada máis pequerrecha, este luns e o martes pola tarde, a ANPA traerá á biblioteca contacontos relacionados co tema.


E este venres, na sala B, proxectaremos o filme "Te doy mis ojos", de Icíar Bollaín, para o alumnado de 3º e 4º ESO.

domingo, 13 de novembro de 2022

A ciencia é o noso

Neste mes da ciencia, unimos o lema das bibliotecas escolares deste ano (Escribir a biblioteca escolar), co proxecto do centro "O noso" para alumar un traballo interdiciplinar realizado polo alumnado de 6º EP a finais do curso pasado. 
A rapazada investigou en libros e na Rede sobre o mundo vexetal, fotografou os exemplares do recinto escolar, redactou os textos, procurou poemas relacionados con cada imaxe...
Velaquí tendes o resultado.

luns, 7 de novembro de 2022

Como mola pasar mediño!

Os días 27 e 28 de outubro, co gallo da celebración do Samaín, o alumnado de 1º ESO leu dramatizadamente un conto de "medo" aos máis pequenos do cole, dentro do proxecto Conto Contigo e baixo a dirección da profe Ana.

O libro escollido foi "¡Como me mola tu escoba!", escrito por Julia Donaldson e ilustrado por Axel Scheffler. Trátase dunha obra moi famosa, premiada en varias ocasións, traducida a moitísimos idiomas e mesmo adaptada ao cinema.

O libro narra as aventuras dunha simpática bruxa que vai perdendo cousas mentres voa, pero que as recupera a medida que vai gañando amigos. Unha historia rimada, divertida e, sobre todo, chea de valores, coa que grandes e pequenos o pasaron "de medo" nun día tan sinalado.



Proximamente publicaremos o resultado dos concursos literarios do Samaín organizados polo EDL e a Biblioteca. Estade atentxs!

martes, 18 de outubro de 2022

Escribimos nas follas

Está o chan inzado de follas outonizas. Elas poden ser un bo soporte para microtextos literarios. Anímate a participar nesta actividade para o Día das Bibliotecas e verás o teu traballo exposto o 24 de Outubro.

venres, 14 de outubro de 2022

17 de Outubro. Día das Escritoras

Co gallo do seu día grande, 17 de Outubro este ano (todas as xornadas lles pertencen), amosamos unha pequena mostra do traballo dalgunhas das autoras que habitan as nosas salas no corredor que conduce á biblioteca.

A que campan ben?


mércores, 12 de outubro de 2022

In-formamos

Dentro das actividades da biblioteca "Ramón Caride" do inicio do curso, destacamos hoxe as relacionadas coa formación das persoas usuarias.

A profe Mercedes encargouse de impartir as xornadas formativas para o alumnado de EP, curso por curso.


Alén diso, editamos guías de usuarixs en formato díptico e tríptico para cada sala da biblioteca.




Últimas novidades da biblioteca... e recomendacións para o verán!

O curso está chegando á súa fin e, antes de despedirnos, queremos compartir convosco as últimas novidades que chegaron á biblioteca. Novas h...