Amosando publicacións coa etiqueta Radio na BIblio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radio na BIblio. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de xuño de 2025

Radioactivxs!

Quedáranos atrás algunha entrada para o blog relativa á formación de radio, así que reunimos nesta de hoxe varias imaxes dos obradoiros relacionados co uso da voz e a palabra que tiveron lugar na biblioteca "Ramón Caride" ao longo deste curso.

A actriz Cris Collazo impartiu unha clase de teatro radiofónico dirixida a alumnado de 3º e 4º de EP. Traballaron a voz, a linguaxe corporal, a superación do medo escénico e mesmo crearon unha peciña humorística propia.

Pancho Álvarez visitounos no tramo final do curso para completar a formación co mesmo alumnado (3º e 4º de EP) na creación de guións radiofónicos que acompañou coa música dos seus instrumentos (lira, guitarra, violín...). A rapazada tamén practicou a composición de cancións e a regueifa.


Tamén foi de regueifa o obradoiro impartido polo Caruncho e Pinto de Herbón para 3º e 4º ESO e últimos cursos de EP. Aprenderon historia e crearon coplas ao caso.


Damián Alonso, locutor e actor de dobraxe, compartiu os seus coñecementos co alumnado de 5º e 6º de EP no 2º trimestre. Rapazas e rapaces investigaron, guionizaron, locutaron e gravaron un programa completo de radio sobre temas do seu interese ao longo dunha xornada matinal.

mércores, 11 de xuño de 2025

Formación de radio con Pancho Álvarez

Esta mañá, a biblioteca Ramón Caride recibe o músico Pancho Álvarez para unha xornada de formación de radio dirixida a alumnado de 3º e 4º EP, promovida dende o EDLG e a biblioteca, na súa colaboración con Ponte... nas Ondas!!!


xoves, 13 de marzo de 2025

Formación de radio na biblio

Onte o alumnado de 5º e 6º de EP asisitiu a un obradoiro de radio da man de Damián, de Ponte... nas Ondas durante a xornada matutina.

Aprenderon o importante que é saber onde atopar información sobre un tema de interese, como contrastala, escribir un guión, transformalo nunha escaleta, ensaiar moitas veces antes de comezar a gravar, unhas pequenas pautas para gravar ao xeito e como partillar o traballo feito.


venres, 21 de febreiro de 2025

Fiz, o coleccionista de medos

O alumnado de Proxecto Competencial de 4º EP do noso cole dramatizou para a radio o famoso conto de Fina Casalderrey, co labor técnico de Marco (4º ESO) e baixo a dirección actoral da profe Mercedes.

Gustounos tanto o seu traballo, que desde a biblioteca montamos un pequeno vídeo co audio de Alejandro, Isabella, Noel e Yaiza.

E lembrade que tendes o libro da autora, ilustrado por Teresa Lima, na biblioteca do cole.

xoves, 13 de febreiro de 2025

Día Mundial da Radio. A calor do planeta

Un ano máis, o Cole de Cea achegou o seu granciño de area á convocatoria de podcasts escolares da Unesco para o Día Mundial da Radio. Nesta ocasión, o tema proposto era o cambio climático e un grupo de alumnas de 4º ESO elaborou unha peza radiofónica para o evento.

Podedes escoitar o traballo na web Escolas... nas Ondas e/ou ver o vídeo que a biblioteca "Ramón Caride" montou co audio de Ana, Águeda, Rosa e Saleta.


domingo, 9 de xuño de 2024

Voces Cucleiras 2

O alumnado de Cultura Clásica guionizou, gravou e editou un bo feixe de podcasts este curso, nun  programa que titularon Voces Cucleiras. Velaí van algúns dos episodios que creraon.






Voces Cucleiras 1

O alumnado de Cultura Clásica traballou durante este curso na creación de podcasts que nos achegan de forma amena o legado da tradición grecolatina. 

Velaí van algúns dos episodios realizados dende setembro.





luns, 23 de outubro de 2023

A "Ramón Caride" ferve

O pasado 19 de outubro a nosa biblioteca foi un fervedoiro de actividade. 

Alén do cheo habitual durante os recreos, contamos cun laboratorio radiofónico arredor da figura de Vicente Risco, promovido pola súa Fundación e organizado polo EDLG do Cole, en colaboración coa nosa Radio na Biblio e no que participou o alumnado de 4º ESO dende as 9.30 da mañá até preto das 13 horas. Sergio Pascual (Laboratorio de Radio) encargouse de formar, organizar e dirixir o traballo creativo da rapazada. En breve poderedes escoitar os pódcasts resultantes do seu esforzo colectivo.


Durante o primeiro recreo, na sala B da biblioteca deu comezo o obradoiro de lectura dirixido ao alumnado de 1º, 2º e 3º EP, impartido pola profe Carmen. A cativada acolleu con entusiasmo esta sesión e xa está desexando volver gozar dela.

O luns iniciarase o obradoiro de lectura para o alumnado de 4º, 5º e 6º de EP; baixo a batuta da profe Mercedes. Iremos contando...

luns, 3 de xullo de 2023

Pódcasts do Samaín 2022

Escoitade os relatos de terror e misterio seleccionados no Samaín deste curso, creados e interpretados por alumnado de ESO e editados polo profe de Música, Álvaro Lorenzo Pérez.

Tamén podedes acceder a eles desde Radio Roxar, na web do Cole de Cea.


Últimas novidades da biblioteca... e recomendacións para o verán!

O curso está chegando á súa fin e, antes de despedirnos, queremos compartir convosco as últimas novidades que chegaron á biblioteca. Novas h...