“A
SEN CONTO”
Non
quería ser princesa, non quería ser liberada polo
príncipe azul.
Tampouco que o bico dun Príncipe a
devolvese á vida; nin que a
salvase da explotación
infantil,non quería esconderse na casa dos
sete ananiños
e ser a súa criada ata que un príncipe a viñese rescatar.
Non era capaz de renunciar á súa voz polo amor dun mozo;
nin esperaba que san Xurxo a salvase do dragón.
Nobres princesas
condenadas a durmir ou ao silencio,
por orde dunha madrasta, dun pai
ou dunha fada boa.
E
puxo os seus zapatos vermellos e fuxiu do seu conto,
correu e correu
buscando refuxio ata converterse nunha
sen conto.
Era unha sen libro,
unha sen papeis,non a querían en ningures.
Nunha
casca de noz navegou polo Mar das Letras, e naufragou.
Nadaba contra
a corrente, fortes ondas de frases afogábana,
e cando se deu por
vencida e se abandonou á súa sorte,
de súpeto salvouna a capitá
Pippi Långstrump, unha nena libre,
xenerosa, que nunca se aburría,
que se atrevía a cuestionar o
razoamento dos adultos. Acompañada
por Matilda, navegaban polo
mar das letras para rescatar todos
aqueles personaxes que se
aventuraban a cruzar o mar buscando un
conto mellor. Heroínas
con forte sentido da xustiza e do deber de
protexer os máis
débiles.
Finalmente,
despois de moitos atrancos, chegaron a porto
seguro,o Porto da
Biblioteca, o Paraíso do que lle falara Borges:
un lugar cheo de
tesouros afundidos, como lle dixera
Virginia Woolf; unha nave
espacial que a levaría aos recunchos
máis afastados do universo;
unha máquina do tempo que a
transportaría ao pasado máis remoto e
ao futuro más afastado;
unha saída a unha vida mellor, máis feliz
e máis útil,
como lle explicara Isaac Asimov. Un lugar onde non
necesitaba
ser princesa para ser a protagonista de todos os contos.
Longa
vida ás bibliotecas, refuxio de todas, tamén das sen conto,
das sen
libro, das sen papeis, das nenas que non queren ser
princesas e dos
nenos que non queren ser heroes. Longa vida
aos bibliotecarios e bibliotecarias, gardiáns do Paraíso,
de máquinas do tempo e de grandes tesouros como son os libros.
Autora: Gemma Pascual
Tradución: Héctor Cajaraville
Tradución: Héctor Cajaraville
Ningún comentario:
Publicar un comentario