mércores, 27 de abril de 2022

Día do Libro no Cole de Cea

Co gallo do Día do Libro, a biblioteca agasallou os membros do alumnado do Cole de Cea con cadanseu libro.

Pola súa parte, a rapazada contribuíu ao embelecemento da escola achegando libriños de creación artesá, con textos literarios ou científicos orixinais e mais con marcapáxinas ben fermosos.

Moitas grazas, artistas!




mércores, 20 de abril de 2022

Crea o teu libriño

Como sabedes, o 23 de abril é o Día do Libro. Para celebralo, haberá algunha sorpresiña da biblioteca. Pero antes diso, podes colaborar coa nosa exposición de libriños e marcapáxinas en forma de bolboreta. 

Candela amósache neste vídeo como elaborar o teu libriño, no que poderás incluír calquera texto de creación propia. Podes botar man de poemas, microrrelatos ou traballos de non ficción feitos na aula; e ilustralo coa técnica que prefiras.

Graciñas, Candela!

mércores, 6 de abril de 2022

Crea a túa bolboreta marcapáxinas

Aprende a facer con Maio un marcapáxinas fabuloso. Entretente e crea un obxecto útil e lindo cun simple papel. 


Logo, podes completar o deseño con rotulador, como na imaxe inferior ou como a imaxinación che dite.


Así o fixo o alumnado do obradoiro de papiroflexia impartido polo profe Maio, de 6º EP, ao que tamén asistiu a profe Mercedes. Atopádela na foto?



xoves, 17 de marzo de 2022

Acceso a ELBE2

Se es profe ou alumno de ensino secundario no Cole de Cea, xa podes acceder á plataforma de lectura e préstamo de libros ELBE2, premendo na ligazón da parte baixa desta páxina. Podes consultar as túas claves de acceso na biblioteca e comezar a ler en liña, como xa fixo o alumnado de 3º e 4º ESO.

https://bega-elbe2.edu.xunta.es/

domingo, 6 de marzo de 2022

Contamos en igualdade

Anticipando o 8M, o alumnado do Cole de Cea recibiu en propia man o convite ofrecido desde o Centro Social de Albarona para asistir en familia á sesión de contacontos do sábado precedente á data sinalada.

Un plan perfecto para a tarde sabatina, non si?

venres, 4 de marzo de 2022

Encontro con Ramón Caride

O pasado mes de febreiro foi un fervedoiro de actividades no noso cole, por mor dos 21 Días co Galego e +. A biblioteca, en colaboración co EDL, foi escenario de varios encontros con escritoras e escritores dos que xa demos conta; pero quedáranos no caixón a visita do autor que lle dá nome á nosa biblioteca: Ramón Caride.

El conversou co alumnado de diferentes niveis sobre algúns dos seus libros: Soños eléctricos, reeditado hai pouco, As músicas viaxeiras e Ramón Cabanillas, do A ao Z. En resumo, unha tríade de volumes variados canto ao xénero e ao público albo, cos que nos agasallou metafórica e literalmente.

Graciñas, Ramón, por volver sempre á túa biblioteca.

domingo, 20 de febreiro de 2022

Compartindo letras con Pablo

O docente do noso cole, Pablo Nogueira Campo, profesional de AL (audición e linguaxe), tamén é un grande escritor para grandes e pequenos, ademais de músico. Aquí o tendes, lendo con xeito, para o alumnado de Infantil, un cachiño do seu libro "Nube Branca quere ser astronauta". 


Esa mesma mañá tamén compartiu un obradoiro de escrita creativa con alumnado de Primaria.


E aquí, unha mostra dos títulos publicados por Pablo... de momento.


Graciñas, profe Pablo!

martes, 15 de febreiro de 2022

Visita de Branca Trigo


Aproveitando os 21 Días co Galego e + que estamos a vivir no noso cole, visitounos a ex-alumna da profe Fátima e galardoada poeta, Branca Trigo

Falou do seu proxecto editorial, Malafera; elaborou un breve resumo da disidencia na literatura galega e desatou a fera creativa que toda a rapazada leva dentro para xerar poemas colectivos, inspirados en imaxes, na actualidade ou elaborados mediante a técnica vangardista do cadáver exquisito. 

Velaquí as creacións dxs nosxs poetas:
Graciñas, Branca!

xoves, 3 de febreiro de 2022

martes, 25 de xaneiro de 2022

Últimas adquisicións

Velaí vai un minivídeo coas últimas adquisicións da biblio do Cole de Cea. Botádelle un ollo (e dúas orellas ao ritmo balcánico do grupo Csókolom).






 

sábado, 22 de xaneiro de 2022

O cachiño de MB

Aí vai o primeiro cachiño escollido por unha das nosas lectoras: un fragmento da novela Los testamentos, de Margaret Atwood, que podes solicitar na biblioteca do cole.


martes, 21 de decembro de 2021

venres, 17 de decembro de 2021

Temos correo!

Esta mañá recibimos un agasallo inesperado: unha postal de María García Vázquez, alumna de 5º de EP do cole de Xuvencos. Se queredes vela, picade no vídeo.

martes, 14 de decembro de 2021

Comparte o teu cachiño

Isto non é un concurso nin unha competición. Aquí non hai premios materiais. Trátase de compartires o teu anaco favorito dunha obra literaria coas persoas do cole. Sexas profe, estudante ou membro do persoal non docente, queremos saber que te emociona.

mércores, 1 de decembro de 2021

venres, 26 de novembro de 2021

25N poemando con Celso Emilio Ferreiro

No ronsel do poema Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, unha parte do alumnado construíu os seus textos contra a violencia de xénero. Magnífico traballo, rapazada!

xoves, 4 de novembro de 2021

A Biblioteca comeza a tomar vida.

 Xa temos ao noso pequeno lectorado empregando as instalacións da Biblioteca Ramón Caride. Andan procurando libros para levar a casa en empréstito e mergullarse na lectura no tempo de lecer. Porén, como non hai tempo que perder, calquera intre é axeitado para deixarse acompañar pola maxia dun bo libro. 


Felices lecturas!

venres, 29 de outubro de 2021

Benvidos, ósos!

Hoxe chegounos unha sorpresa á biblioteca, da man de Breogán Reboredo Guntín, alumno de 6º de EP: unhas vértebras de golfiño.

Como están a estudar os ósos coa mestra Mercedes, o rapaz quixo compartir coa clase un fragmento do espiñazo dun cetáceo atopado na illa de Sálvora, onde traballa súa nai, María Rosa.


Velaquí o tendes, suxeitando o fragmento do esqueleto do delfín. Aínda que vexades o mociño ensanguentado, non pensedes que foi o causante da morte do mamífero acuático; non tal. Évos que hoxe cadrou a pseudofesta previa ao Samaín do cole e por iso campaba un chisco tétrico baixo a perruca de trenzas.

Habemos buscarlle a este agasallo un acubillo de xeito na biblioteca, para que quen quixer poida contemplar de preto este anaco verdadeiro de columna vertebral recollido no noso litoral (houbo quen, ao velo, pensou que formaba parte da entroidada do día, pero non).

Graciñas, Breogán!

luns, 28 de xuño de 2021

Recomendacións lectoras para o tempo do estío.


Velaquí as notas recomendaciones lectoras para as vacacións do verán. 
Un libro siempre ten un oco na maleta. 





 


mércores, 19 de maio de 2021

Viaxe Literaria Solidaria : troco de libros por alimentos.

 Dentro do noso proxecto Xeografías lectoras: "Da Antártida a Vietnam" recorremos quilómetros de solidaridade recompilando quilos de alimentos donados polo noso alumnado e profesorado. Trocamos alimentos por libros descatalogados da nosa biblioteca Ramón Caride e da Biblioteca Pública de Ourense. Donamos os alimentos recaudados á Cruz Vermella. 
 
 





martes, 4 de maio de 2021

Viaxe Literaria Solidaria

A Biblioteca Ramón Caride e o Cole de Cea, en colaboración coa Biblioteca Pública de Ourense NÓS e a Cruz Vermella do Carballiño poñen en marcha un proxecto de intercambio de libros por alimentos non perecedoiros. 🥨🔁📗 Darémoslle unha segunda ou terceira vida aos libros da nosa biblio a cambio dun quilo de arroz, dun quilo de pasta, dun paquete de conservas ou outros alimentos non perecedoiros que teñamos na casa. Preferentemente doazón de alimentos destinados á infancia (sobre todo almorzos e merendas): leite enteiro, bolachas, potitos, leite en pó, froita en almibre, chocolate, etc. 🍞🔁📘 É o momento de ser solidarios con aqueles que precisan da nosa axuda. Doando os teus alimentos non só levas un libro para a casa senón tamén colaboras con aquelas persoas e familias que máis o precisan. 🥖🔁📕 📆 Para facilitar a organización estes son os días asignados para que traiades os vosos alimentos: Luns 10 ️ 2º e 3º ESO Martes 11 ️ 1º e 4º ESO Mércores 12 ️ 1º, 2º, 3º e 4º Primaria Xoves 13 ️ 5º e 6º Primaria e 4º, 5º e 6º Infantil



martes, 27 de abril de 2021

CREAcción no Día do Libro 2021 " Haikus e Caligramas" no Cole de Cea


Velaquí vai a primeira entrega da nosa actividade de CREAcción polo Día Do Libro: Haikus e Caligramas compostos e debuxados polo noso alumnado.










Estes son só algún dos exemplos tedes máis creacións do noso alumnado nesta ligazón:

 

https://photos.google.com/share/AF1QipMcTUilCSqnIrnYQ491Vc2Th9Wv_N20sgASnJUlxEyn6YmCYytfzOOQ7CimFKvFow?key=RXFOdk0xQ0w0NFhhQ3I5UmRHb1BZWVotV244cFBn

TODAS E TODOS CONTAMOS

 Onte celebramos no cole a actividade “Todas e todos contamos” , unha xornada chea de diversión  da man de monitores e monitoras con diversi...