luns, 23 de xuño de 2025

Refráns

Velaí vai unha presa de refráns recollidos por Saleta entre os seus maiores. Algún non moi politicamente correcto, por certo.

A matanza

As lembranzas da mata, un traballo colectivo que unía o pobo, aínda que repartindo os roles.

Vilanfesta

Unha lección de xeografía, microtoponimia, onomástica, historia, lexicoloxía... e con remate de reivindicación feminista. 

A poza de Foxacos

Esta lenda é un compendio de saberes populares de toda caste: o poder salutífero das augas, a potencia do número 9, o paganismo cristianizado por obra e graza dun bispo, a crenza na posibilidade de despistar un mal mudando o camiño de volta a casa e a cura mediante palabras en trabalinguas. Alguén dá máis con menos?


A malla

Segunda entrega en audio do proxecto "Cántame e cóntame, avoa". Desta volta tocoulle a Martín recoller as lembranzas dunha tarefa agrícola compartida na aldea: a malla.


domingo, 22 de xuño de 2025

O monxe de Oseira e Lúa

Dentro do proxecto "Cántame e cóntame, avoa", proposto polo EDLG, o alumnado do Cole de Cea recolleu lendas da zona e refráns entre a veciñanza e a familia. Os de EP escolleron o papel como soporte; na ESO optouse pola voz en audio.

Esta é a primeira mostra do traballo que subimos ao blog, unha recollida de Iria Fernández Fernández.

venres, 20 de xuño de 2025

Exposición "Palabra e memoria"

O pasado xoves, parte do alumnado de ESO e o alumnado de 6º de EP do Cole de Cea realizou unha camiñada ata o edificio Multiúsos do Concello de San Cristovo de Cea para colocar e comentar as fotografías de epitafios cedidas por Modelo Burela.

Deste xeito, o público que acceda ao local municipal poderá visitar unha exposición que pon en valor a palabra como forma de expresión da lembranza nun momento crucial da vida: a despedida dos nosos. O acto íntimo e familiar transfórmase nos camposantos nunha manifestación colectiva de identidade e pertenza a un pobo. 

 

Vídeo do álbum ilustrado d'Os vellos non deben de namorarse

Coas ilustracións creadas por todos os grupos-clase do cole, o equipo da biblioteca editou este vídeo que resume o 1º lance da peza dramática de Castelao.


domingo, 15 de xuño de 2025

Lecturas para o verán

Non esquezades achegarvos á biblioteca para levar algún libro para este verán. No vídeo só aparecen algúns de entre os máis de 11000 entre os que podedes escoller. 

xoves, 12 de xuño de 2025

Radioactivxs!

Quedáranos atrás algunha entrada para o blog relativa á formación de radio, así que reunimos nesta de hoxe varias imaxes dos obradoiros relacionados co uso da voz e a palabra que tiveron lugar na biblioteca "Ramón Caride" ao longo deste curso.

A actriz Cris Collazo impartiu unha clase de teatro radiofónico dirixida a alumnado de 3º e 4º de EP. Traballaron a voz, a linguaxe corporal, a superación do medo escénico e mesmo crearon unha peciña humorística propia.

Pancho Álvarez visitounos no tramo final do curso para completar a formación co mesmo alumnado (3º e 4º de EP) na creación de guións radiofónicos que acompañou coa música dos seus instrumentos (lira, guitarra, violín...). A rapazada tamén practicou a composición de cancións e a regueifa.


Tamén foi de regueifa o obradoiro impartido polo Caruncho e Pinto de Herbón para 3º e 4º ESO e últimos cursos de EP. Aprenderon historia e crearon coplas ao caso.


Damián Alonso, locutor e actor de dobraxe, compartiu os seus coñecementos co alumnado de 5º e 6º de EP no 2º trimestre. Rapazas e rapaces investigaron, guionizaron, locutaron e gravaron un programa completo de radio sobre temas do seu interese ao longo dunha xornada matinal.

mércores, 11 de xuño de 2025

Formación de radio con Pancho Álvarez

Esta mañá, a biblioteca Ramón Caride recibe o músico Pancho Álvarez para unha xornada de formación de radio dirixida a alumnado de 3º e 4º EP, promovida dende o EDLG e a biblioteca, na súa colaboración con Ponte... nas Ondas!!!


luns, 2 de xuño de 2025

Álbum ilustrado colaborativo

Desde a biblioteca propuxemos a creación dun álbum colaborativo sobre o texto teatral de Castelao. Repartimos os fragmentos escénicos entre todas as aulas do cole e... velaquí o resultado.

domingo, 1 de xuño de 2025

Novidades de maio



O bruxo da montaña

Unha vez máis, Castelao bota man dunha anécdota autobiográfica para dar conta dun saber popular: as adiviñacións mediante a peneira. E unha vez máis, deita a súa ollada singular sobre un personaxe peculiar, pulado desde unha forza interior para dominar os elementos meteorolóxicos por defender o seu hábitat esgrevio: a montaña.

Chegou das Américas

Neste relato, Castelao amósanos o seu pensamento sobre o verdadeiro sentido da identidade e pertenza a un pobo, afastado de prexuízos raciais e colocando a transmisión cultural por riba da nacenza nun lugar ou noutro.

sábado, 31 de maio de 2025

Onde hai un cruceiro

O interese de Castelao polos cruceiros e outros testemuños de devoción cristiá quedou patente nos seus álbums. Nesta "cousa", a ollada orixinal do autor aparece unha vez máis, na procura dunha explicación para o cativo tamaño dos cristos nos colos das nais.

xoves, 29 de maio de 2025

Aínda eu era médico rural

Achegamos unha nova entrega dunha "cousa" na que Castelao parte dunha experiencia autobiográfica para amosarnos a súa inquedanza pola saúde mental, relacionándoa neste caso coa incomprensión social disfrazada de superstición para rexeitar unha muller polo pecado de ser nai solteira.

luns, 19 de maio de 2025

Familias na biblio

O alumnado de Educación Infantil contará o próximo venres coa achega dunha nai enfermeira que explicará conceptos interesantes de forma sinxela para afondar no coidado persoal desde o coñecemento.

sábado, 17 de maio de 2025

Libros no IX Serán do Cole de Cea

Como cada ano, a biblioteca "Ramón Caride" colabora co Serán organizado polo EDLG do Cole de Cea. 

Nesta ocasión, alén do tradicional posto de libros procedentes do expurgo, a biblioteca emprestou exemplares para completar a exposición de instrumentos das cantareiras.




A decoración do espazo para a Festa das Letras e o Serán tamén contou coa achega material e humana da biblioteca escolar (grande equipo!), en colaboración co EDLG e Extraescolares.

martes, 13 de maio de 2025

Parabéns, Saleta!

Este ano, a Fundación Insua dos Poetas convou un certame literario para unirse ás celebracións do Ano Castelao. Nunha das súas categorías, habíase de escribir un microrrelato inspirado no estilo das pezas narrativas do rianxeiro. Algúns alumnos e alumnas de 4º ESO enviaron os seus contos e o día 7 de maio soubemos que unha das obras resultara premiada: "Xosé, un home de aldea", da autoría de Saleta.

Reproducimos a continuación o seu relato, que reflicte perfectamente o estilo das "cousas" de Castelao: escrita sinxela e tenra con certa dose de humor para abordar temas populares e de interese social.

mércores, 7 de maio de 2025

"O misterio das zocas" por Caride

O luns pola tarde, durante a hora de ler, o alumnado de 5º e 6º de EP mantivo un encontro ben animado co escritor da nosa biblio: Ramón Caride

A escusa perfecta foi a lectura da súa última entrega xuvenil: O misterio das zocas, continuación das aventuras das catro músicas viaxeiras: María, Frida, Nursa e Xeria.

Acompañouno na visita un veterano e prolífico escribidor, Xosé Lois García Fernández, nado en Lugo e cunha longa traxectoria vital en Cataluña.

Durante a xuntanza, Caride respondeu unha chea de preguntas dxs lectorxs, amais de convidar á reflexión sobre diversos aspectos da sociedade actual e daqueloutra medieval na que se ambienta a novela ilustrada por Dani Padrón. Tamén animou a rapazada á lectura e á escritura, alentando as vocacións literarias de quen non dubidou en comentarlle algún relato truculento argallado con nocturnidade e sen aleivosía.


mércores, 30 de abril de 2025

A ponte vella

Unha nova entrega da colección de "cousas" do rianxeiro coa que celebramos o Ano Castelao. Desta volta, o autor fálanos do estigma dunha enfermidade maldita: a lepra. 

xoves, 27 de marzo de 2025

Se eu fose autor

No Día do Teatro, unha "cousa" de Castelao que reflicte como o autor entendía e manexaba á perfección o concepto de público albo e como as circunstancias de cadaquén inflúen na percepción das experiencias vitais. E, coma sempre, faino co seu estilo de humor compasivo.



Teatro en Elbe-2

Na plataforma Elbe-2 contamos cun repositorio con pezas teatrais para lermos en liña ou ver en vídeo.


domingo, 23 de marzo de 2025

O pai de Migueliño

Esta "cousa" de Castelao explica liricamente as consecuencias da emigración americana da súa época entre aqueles que non chegaron a ricos. E faino a través da ollada dun neno á expectativa do regreso soñado dun pai idealizado polo tempo e a distancia.

Un bo microrrelato para reflexionar sobre quen que chega á nosa terra, deixando a súa por necesidade, como fixeron máis de dous millóns de galegas e galegos entre 1850 e 1960 viaxando a América. 



luns, 17 de marzo de 2025

sábado, 15 de marzo de 2025

xoves, 13 de marzo de 2025

Formación de radio na biblio

Onte o alumnado de 5º e 6º de EP asisitiu a un obradoiro de radio da man de Damián, de Ponte... nas Ondas durante a xornada matutina.

Aprenderon o importante que é saber onde atopar información sobre un tema de interese, como contrastala, escribir un guión, transformalo nunha escaleta, ensaiar moitas veces antes de comezar a gravar, unhas pequenas pautas para gravar ao xeito e como partillar o traballo feito.


martes, 11 de marzo de 2025

O gran camanduleiro

Esta "cousa" de Castelao fálanos dunha especie de xustiza social na que os que se aproveitan dos demais acaban pagando polos seus actos. Tamén nos fala das nefastas consecuencias de non recibir límites paternos na mocidade, e mesmo da parvoíce á que conduce non ter que esforzarse por nada, ata o punto de non percibir o desastre anunciado.

sábado, 8 de marzo de 2025

8 expresións para o 8M

A biblioteca "Ramón Caride", en colaboración co EDLG do Cole de Cea, escolleu para este vídeo oito expresións en galego, de entre as moitas que o feminismo nos está achegando para entender o mundo.

venres, 7 de marzo de 2025

Eu non teño mágoa do picariño

Unha lectura superficial podería levarnos a pensar que este microrrelato de Castelao ficou desactualizado porque os pícaros xa non alancan atrás dos automóbiles. 

Porén, non vemos a miúdo xente nova (e non tanto) perseguindo variedade de "artefactos" que están fóra do seu alcance?

O narrador decántase pola calma serena de quen se conforma co que ten como fórmula para a felicidade, malia recoñecer que a mocidade do seu tempo e da súa terra corría sempre atrás do inalcanzábel.

domingo, 2 de marzo de 2025

Vou contarvos un conto triste

No Ano Castelao, a biblioteca Ramón Caride e o EDL do Cole de Cea colaboran na elaboración de vídeos con textos do autor homenaxeado 75 anos despois do seu falecemento. Este aconteceu na Arxentina, onde se atopaba exiliado por mor da ditadura franquista debido á súa traxectoria política en defensa de Galiza.

O texto escollido para esta primeira entrega é un brevísimo relato con ilustración, unha "cousa", na que Castelao transmite de forma sintética e impactante a tenrura polo desexo maternal incumprido nunha sociedade na que as mulleres de clase alta vivían pechadas nas casas coa única función de seren nais e dirixir o servizo. A ausencia do personaxe do esposo na narración reflicte á perfección a incomunicación entre a parella e incrementa o sentimento de soidade da nai á que lle van morrendo os cativiños antes de nacer, e que se amosa empeñada na teima de coidar o que non existe. As apelacións directas e insistentes do narrador para que os lectores non rían perante a vida traxicómica da fidalga expresan a empatía e comprensión do autor ante as penurias persoais, mesmo cando estas conducen á perda da razón.

venres, 21 de febreiro de 2025

Fiz, o coleccionista de medos

O alumnado de Proxecto Competencial de 4º EP do noso cole dramatizou para a radio o famoso conto de Fina Casalderrey, co labor técnico de Marco (4º ESO) e baixo a dirección actoral da profe Mercedes.

Gustounos tanto o seu traballo, que desde a biblioteca montamos un pequeno vídeo co audio de Alejandro, Isabella, Noel e Yaiza.

E lembrade que tendes o libro da autora, ilustrado por Teresa Lima, na biblioteca do cole.

xoves, 13 de febreiro de 2025

Día Mundial da Radio. A calor do planeta

Un ano máis, o Cole de Cea achegou o seu granciño de area á convocatoria de podcasts escolares da Unesco para o Día Mundial da Radio. Nesta ocasión, o tema proposto era o cambio climático e un grupo de alumnas de 4º ESO elaborou unha peza radiofónica para o evento.

Podedes escoitar o traballo na web Escolas... nas Ondas e/ou ver o vídeo que a biblioteca "Ramón Caride" montou co audio de Ana, Águeda, Rosa e Saleta.


venres, 7 de febreiro de 2025

Desde a Candeloria ata o Día de Rosalía...

Durante o mes de febreiro conflúen varios eventos socioculturais: a Candeloria, o Día dxs Namoradxs e o Día de Rosalía. Desde a biblioteca "Ramón Caride" propoñemos unha actividade que os une: recoller versos de amor e amizade (nomeadamente de Rosalía na ESO) e caligrafalos sobre corazóns de papel que expoñeremos no cole. No caso do alumnado de EI, decorarán con debuxos uns corazóns grandes de cartolina.

 

venres, 31 de xaneiro de 2025

30 de Xaneiro, Día da Paz e da Ilustración

Con motivo do Día da Paz e da Ilustración, a biblioteca "Ramón Caride" achegou o seu granciño de area ás actividades do Cole de Cea.

En colaboración coas titorías de ESO, expúxose de forma gráfica unha parte dos conflitos bélicos vixentes na actualidade, após a investigación do alumnado.

As titoras e titores de EP organizaron o traballo para que a rapazada elaborase carteis impactantes con información e reflexión sobre algúns conflitos armados e as súas consecuencias na infancia; carteis que campan nas salas da biblioteca.

Por outra banda, e para conmemorar o  Día da Ilustración, fíxose unha escolma de libros (nomeadamente ilustrados) e cómics, alén de filmes relacionados coas guerras.

sábado, 28 de setembro de 2024

Parabéns, Daniela!

A alumna do noso cole, Daniela, obtivo un accésit na categoría de Secundaria na última edición do certame de fotografía organizado por Ponte... nas Ondas! grazas a un texto ben artellado sobre unha fotografía sen alardes técnicos.

Velaquí vos vai a foto e, debaixo, o texto.


Esta fotografía foi tomada no ano 1969, na parroquia de Loeda, Piñor, Ourense.

A imaxe amosa unha muller sostendo un neno, a contraluz, nunha das primeiras fotos a cor. A muller é a miña bisavoa, Rosa, e o neno é o meu avó, Valeriano, cando tiña tan só uns meses de vida.

A fotografía é un exemplo íntimo e significativo da transmisión cultural entre xeracións. A bisavoa sostendo o seu fillo simboliza non só a continuidade da vida, senón tamén a transmisión de valores, historias e tradicións familiares que forman parte do noso patrimonio inmaterial. A escena capturada na imaxe ten lugar na entrada da casa familiar. Esta entrada non só servía como paso ao interior do fogar, senón tamén como un lugar onde se compartían historias, experiencias e coñecementos. A arquitectura tradicional da casa, con portas de madeira e vistas ao exterior, representa tamén un aspecto significativo do noso patrimonio cultural galego. A través desta imaxe podemos apreciar a importancia de preservar non só os grandes eventos históricos e culturais, senón tamén os pequenos momentos cotiás que, acumulados, forman a base do noso patrimonio inmaterial. Esta fotografía, que ao principio pode parecer unha simple escena familiar, é en realidade unha xanela cara ás nosas raíces culturais, ás historias persoais e aos valores que pasaron de xeración en xeración e que seguen definindo quen somos hoxe en día.

sábado, 6 de xullo de 2024

O Cole que conta

O 5 de xullo, dous membros do Cole de Cea recolleron os seus premios no XII Certame de Microrrelatos "Practica a Leiteratura", organizado por Feiraco para contribuír á difusión da lingua e a cultura galegas.

sábado, 22 de xuño de 2024

No Trivial do Cole de Cea, a vitoria sabe a pan

Este curso, na materia de Proxecto Competencial de 1º, 2º e 3º ESO e baixo a batuta da profe Paula Fernández Ferreiro, o alumnado enfornou un xogo de cultura galega do que gozaremos durante moito tempo.

As competencias traballadas e os recursos empregados foron múltiples: busca de información na Rede e nos fondos da biblioteca cun criterio rigoroso, escolla de temas, selección de preguntas e respostas válidas, síntese das instrucións, dixitalización en Canva dos cartóns, deseño e manufactura do taboleiro, pintado da caixa contedora das tarxetas, deseño e produción dos forniños e as pezas de pan que marcan os resultados coa impresora 3D do taller... unha chea de aprendizaxes significativas cun produto final útil para a comunidade escolar.


Que bo agasallo, rapazada e profe!

Refráns

Velaí vai unha presa de refráns recollidos por Saleta entre os seus maiores. Algún non moi politicamente correcto, por certo.