O cole de Cea na rede

luns, 23 de xuño de 2025

Refráns

Velaí vai unha presa de refráns recollidos por Saleta entre os seus maiores. Algún non moi politicamente correcto, por certo.

A matanza

As lembranzas da mata, un traballo colectivo que unía o pobo, aínda que repartindo os roles.

Vilanfesta

Unha lección de xeografía, microtoponimia, onomástica, historia, lexicoloxía... e con remate de reivindicación feminista. 

A poza de Foxacos

Esta lenda é un compendio de saberes populares de toda caste: o poder salutífero das augas, a potencia do número 9, o paganismo cristianizado por obra e graza dun bispo, a crenza na posibilidade de despistar un mal mudando o camiño de volta a casa e a cura mediante palabras en trabalinguas. Alguén dá máis con menos?


A malla

Segunda entrega en audio do proxecto "Cántame e cóntame, avoa". Desta volta tocoulle a Martín recoller as lembranzas dunha tarefa agrícola compartida na aldea: a malla.


domingo, 22 de xuño de 2025

O monxe de Oseira e Lúa

Dentro do proxecto "Cántame e cóntame, avoa", proposto polo EDLG, o alumnado do Cole de Cea recolleu lendas da zona e refráns entre a veciñanza e a familia. Os de EP escolleron o papel como soporte; na ESO optouse pola voz en audio.

Esta é a primeira mostra do traballo que subimos ao blog, unha recollida de Iria Fernández Fernández.

venres, 20 de xuño de 2025

Exposición "Palabra e memoria"

O pasado xoves, parte do alumnado de ESO e o alumnado de 6º de EP do Cole de Cea realizou unha camiñada ata o edificio Multiúsos do Concello de San Cristovo de Cea para colocar e comentar as fotografías de epitafios cedidas por Modelo Burela.

Deste xeito, o público que acceda ao local municipal poderá visitar unha exposición que pon en valor a palabra como forma de expresión da lembranza nun momento crucial da vida: a despedida dos nosos. O acto íntimo e familiar transfórmase nos camposantos nunha manifestación colectiva de identidade e pertenza a un pobo. 

 

Vídeo do álbum ilustrado d'Os vellos non deben de namorarse

Coas ilustracións creadas por todos os grupos-clase do cole, o equipo da biblioteca editou este vídeo que resume o 1º lance da peza dramática de Castelao.


domingo, 15 de xuño de 2025

Lecturas para o verán

Non esquezades achegarvos á biblioteca para levar algún libro para este verán. No vídeo só aparecen algúns de entre os máis de 11000 entre os que podedes escoller. 

xoves, 12 de xuño de 2025

Radioactivxs!

Quedáranos atrás algunha entrada para o blog relativa á formación de radio, así que reunimos nesta de hoxe varias imaxes dos obradoiros relacionados co uso da voz e a palabra que tiveron lugar na biblioteca "Ramón Caride" ao longo deste curso.

A actriz Cris Collazo impartiu unha clase de teatro radiofónico dirixida a alumnado de 3º e 4º de EP. Traballaron a voz, a linguaxe corporal, a superación do medo escénico e mesmo crearon unha peciña humorística propia.

Pancho Álvarez visitounos no tramo final do curso para completar a formación co mesmo alumnado (3º e 4º de EP) na creación de guións radiofónicos que acompañou coa música dos seus instrumentos (lira, guitarra, violín...). A rapazada tamén practicou a composición de cancións e a regueifa.


Tamén foi de regueifa o obradoiro impartido polo Caruncho e Pinto de Herbón para 3º e 4º ESO e últimos cursos de EP. Aprenderon historia e crearon coplas ao caso.


Damián Alonso, locutor e actor de dobraxe, compartiu os seus coñecementos co alumnado de 5º e 6º de EP no 2º trimestre. Rapazas e rapaces investigaron, guionizaron, locutaron e gravaron un programa completo de radio sobre temas do seu interese ao longo dunha xornada matinal.

mércores, 11 de xuño de 2025

Formación de radio con Pancho Álvarez

Esta mañá, a biblioteca Ramón Caride recibe o músico Pancho Álvarez para unha xornada de formación de radio dirixida a alumnado de 3º e 4º EP, promovida dende o EDLG e a biblioteca, na súa colaboración con Ponte... nas Ondas!!!


domingo, 8 de xuño de 2025

Voces Cucleiras 2025

Un ano máis, difundimos os episodios creados polo alumnado de Cultura Clásica durante o curso: unha forma amena de viaxar a un pasado que nos marcou: a civilización grecorromana.






luns, 2 de xuño de 2025

Álbum ilustrado colaborativo

Desde a biblioteca propuxemos a creación dun álbum colaborativo sobre o texto teatral de Castelao. Repartimos os fragmentos escénicos entre todas as aulas do cole e... velaquí o resultado.

O bruxo da montaña

Unha vez máis, Castelao bota man dunha anécdota autobiográfica para dar conta dun saber popular: as adiviñacións mediante a peneira. E unha vez máis, deita a súa ollada singular sobre un personaxe peculiar, pulado desde unha forza interior para dominar os elementos meteorolóxicos por defender o seu hábitat esgrevio: a montaña.

Chegou das Américas

Neste relato, Castelao amósanos o seu pensamento sobre o verdadeiro sentido da identidade e pertenza a un pobo, afastado de prexuízos raciais e colocando a transmisión cultural por riba da nacenza nun lugar ou noutro.